Semana da sustentabilidade


This post is available in castellano and galego.

Con motivo da semana da sustentabilidade en “A Cova da Terra” (Rúa Nóreas, nº12 - Lugo), este xoves ás 20h temos unha charla relacionada co mundo da bici:

Xoves 20: “Mobilidade nas cidades galegas. O uso da bici como medio de transporte. A experiencia das masas críticas”

A bici como un medio de transporte, os incovintes dunha cidade que crece por e para os coches, alternativas a utilización do coche e a humanización das cidades, e a reivindicación do uso da bicicleta como medio eficaz de transporte a través do movemento da masa crítica en Galicia. Tedes máis información aquí e no blog. Tamén tedes aquí unha reportaxe moi interesante e podedes tamén consultar o bici concerto que se vai facer.

Para máis info: Semana da sustentabilidade (blog da Cova da Terra)

Colisións entre bicicletas e veículos a motor


This post is available in castellano and galego.

semaforo bici
Pese a sensación de inseguridade que produce en moita xente unha bicicleta, cunha condución adecuada, a seguridade é alta. Non obstante, ás veces se producen accidentes. Na medida en que coñezamos en que momentos e con que manobras hai un maior índice de risco, mellor poderemos evitar ter algún. Este estudo pode ser moi válido para axudarnos a comprender en que momentos debemos prestar unha maior atención ao tráfico que nos rodea.

Principais colisións máis comúns

Sexa consciente das circunstancias mais comúns que rodean ás colisións e preste especial atención cando circule nestas condicións. As estatísticas seguintes son dun estudo de 1996, que analizaba as 6.000 colisións rexistradas entre as bicicletas e os vehículos a motor que ocorreron en British Columbia durante un período de tres anos.

Lugares de colisión

A maioría das colisións sucederon nas interseccións, onde non había controis de tráfico, e en áreas residenciais.

  • O 63% das colisións ocorreron na intersección dunha rúa con outra rúa, ruela ou calzada, mentres que o 31% sucederon entre as interseccións.
  • O 57% dos sitios da colisión non tiñan ningunha sinalización de tráfico; o 19% tiñan sinal de stop e o 15% tiñan semáforo.
  • O 40% ocorreron en áreas residenciais, e o 35% en áreas do negocio/de compras.

Accións antes da colisión

Case catro de cada cinco ciclistas continuaban recto, mentres que o 42% dos condutores viraban á esquerda ou dereita.

  • Continuando recto - Ciclistas: 79% - Condutores de coche: 41%
  • Virando á esquerda - Ciclistas: 5% - Condutores de coche: 19%
  • Virando á dereita - Ciclistas: 2% - Condutores de coche: 23%

Factores que contribúen á colisión

O erro máis común entre ciclistas foi conducir sen a debida precaución. Entre condutores de coche o erro máis frecuente foi non ceder o dereito de paso.

  • Vehículo sen a precaución debida - Ciclistas: 23% - Condutores de coche: 14%
  • Non ceder o dereito de paso - Ciclistas: 13% - Condutores de coche: 27%
  • Ir en dirección contraria - Ciclistas: 10% - Condutores de coche: 0%

Varios outros estudos en Norteamérica atoparon que a causa principal en colisións de ciclistas con vehículos a motor está compartida aproximadamente ao 50% entre os ciclistas e os condutores. Estes estudos tamén atoparon que accidente máis común en bicicleta era a caída sen ningún outro vehículo implicado.

Todos os ciclistas deben ser conscientes que son as tres principais razóns de colisión entre ciclistas e vehículos a motor son:

  • Un condutor que se incorpora á vía vira á esquerda diante do ciclista.
  • Un condutor para nun cruzamento, e despois sae directamente diante do ciclista.
  • Un condutor apenas adianta ao ciclista e despois vira á dereita.

*Hamilton e asociados. 1997. Unha revisión de colisións entre os vehículos de motor e as bicicletas en Columbia Británica. Producido para ICBC.

Fonte: Bike Sense (Appendices)

III Carreira de Medios


This post is available in castellano and galego.

Ante a necesidade comprender mellor a mobilidade das cidades en que vivimos, un grupo de cidadáns realizou 3ª Carreira de Medios de Transporte polas rúas da Coruña. O estudo comparativo realizouse o pasado mércores 18 de Setembro entre as 11:00 e as 13:00 horas facendo uso dos diferentes medios de transporte dispoñibles na cidade, sendo estes: coche, moto, taxi, bus, bicicleta e a pé.

Esta iniciativa non pretende ser concluínte, xa que de repetir noutro momento ou con outras persoas o mesmo percorrido non se obterían os mesmos resultados, pero se pretende ser un elemento de reflexión ao establecer unhas condicións facilmente reproducibles por calquera cidadán que pretenda facer dúas xestións calquera na cidade un día calquera.
Establécense tres puntos distantes entre 2 e 3 km, con perfís diferentes (subida, baixada, e chairo) e sendo o usuario quen decida sobre a marcha o percorrido máis eficaz e cumprindo as normativas establecidas para cada medio. Nesta 3ª ocasión os itinerarios escolleitos son: María Pita - Mercado dás Conchiñas - Centro de Saúde Federico Tapia - María Pita.

Preténdese que esta proba axude a reflexionar sobre o uso que facemos do espazo publico da cidade analizando o impacto que xera a elección dun medio ou outro, tendo en conta tempos, custos, desprazamentos; e incitando a que calquera grupo de persoas poida realizar este mesmo estudo en calquera outro momento e lugar, e que as administracións pertinentes tomen boa nota e apliquen este e outros estudos á súa planificación.

Nota:
Custos: Desprazamento +  Aparcadoiro + Amortización.
Percorridos: Ata vehículo +  Espera + Traxecto +  Buscar aparcadoiro + Chegada a destino.

II Masa Crítica Galega


This post is available in castellano and galego.

O vindeiro sábado 27 de setembro celébrase a 2ª Masa Crítica Galega en Ferol. Achegaranse ciclousuarios e ciclousuarias de toda Galicia na que se pretende sexa unha xornada lúdico-reivindicativa onde defender que outra forma de movérmonos é posible!

A masa crítica galega do 27 supón o segundo encontro a nivel galego de ciclousuarios e ciclousuarias, organizado neste caso polos participantes da Masa critica de Ferrol. O anterior foi en Compostela. A saída desta II Masa Crítica Galega será o 27 de setembro ás 12h dende o peirao de Cruxeiras.

Para quen saia doutras partes de Galicia, ademáis de chegar a Ferrol pola túa conta, existe a posibilidade de formar parte das viaxes que organicen as diferentes masas (Compostela, Lugo, Ourense, Ponteareas, Vigo e Coruña). Por exemplo, desde Coruña propoñen a ruta en bici Coruña-Ferrol en dúas etapas (saída o venres), nunha etapa (para xente entrenada) ou en tren. Podedes saber máis ou apuntarvos no Foro das Masas Críticas Galegas.

Fonte: II Masa Crítica Galega en bicis.info

Jim vs Bill - Bus vs Coche


This post is available in castellano and galego.

Anuncio dunha compañía de buses canadiense, tomade nota.

A bici tamén é chic


This post is available in castellano and galego.

A bicicleta é un medio de transporte eficaz, san, útil, etc. Todo isto xa o sabiamos. Quizais moita xente se deixe levar por certos “mitos”: lenta, non adecuada para países nos que chove, non adecuada para ir a traballar, pouco chic, …

Pero cada mito atópase coa realidade que o desmonta. Quen diga que é lenta será porque non leu a Carreira de Medios feita na Coruña, quen diga que aqui non se pode usar porque chove está claro que non estivo en Holanda ou Alemaña, quen diga que non é serio ir a traballar en bici se nota que non paseou por Amsterdam ou Copenague cos seus impecables executivos chegando a traballar nas súas bicis, …

E agora quen diga que non é chic será porque non viu a Brad Pitt e Angelina Jolie con toda a súa elegancia usando este medio de transporte. E se o fan eles é porque está de moda. Claro que, como sabemos, aqui as modas sempre tardan en chegar… ou cambiará esta vez?

A Universidade de Miami prohibe aos estudantes o uso dos seus coches


This post is available in castellano and galego.

Nos seus 18 anos en que creceu en Miami, Ryan Dandes nunca utilizou o Metrorail. E nos últimos dous anos de secundaria en Miami Palmetto Senior, utilizaba o seu Saturn Ion para moverse. Pero agora Dandes, xunto con outros alumnos que comezan agora as súas clases na Universidade de Miami (UM), terá que pasar por unha aguda síndrome de privación.

Por primeira vez, a Universidade prohibirá os automóbiles de todos os alumnos que comezan primeiro ano e van residir no recinto universitario, converténdose así no primeiro colexio do estado e un de varios no país que obrigarán aos seus alumnos a empezar a utilizar transporte público, compartir automóbiles ou usar bicicletas.

A acción da UM de prohibir os automóbiles é parte da súa iniciativa chamada ”Green U”, iniciada fai uns catro anos para reducir a dependencia da universidade en combustible fósil e facer o recinto máis sustentable. Complementando esta medida a universidade iniciou o programa ”U-bike”, de venderlles bicicletas aos alumnos por $59. Foi un gran éxito. O primeiro grupo de bicicletas vendeuse o mércores, e houbo que encargar outras 100.

Tomará nota a Universidade da Coruña?

Fonte: La UM prohíbe a estudiantes el uso de sus autos

Calmar o tráfico vs. deixar todo como está


This post is available in castellano and galego.

Cando se propoñen os esquemas de peonalización ou calma do tráfico, os comerciantes aparecen entre os opositores máis destacados. Calmar e peonalizar o tráfico podería ter como consecuencia que os condutores mercaran noutras partes, e os comerciantes poden crer que estes clientes son a fracción máis grande dos seus clientes. Incluso se hai un incremento do tráfico peonal, os minoristas poden temer que os peóns pasen menos que os condutores.

Este xeito de pensar normalmente está baseado nunha comprensión pobre do espectro dos seus clientes por parte dos comerciantes. Nun estudo feito en 1991 en Graz (Austria), os comerciantes pensaban que a maioría dos seus clientes chegaban en coche, e tan só o 25% chegaban a pé. Este estudo demostrou que as porcentaxes reais eran que o 32% chegaban en coche e o 44% a pé (deduzo que o resto se repartiría entre transporte público, bicicleta e moto). Esta falsa valoración crea unha innecesaria ansiedade entre os comerciantes ante cambios que aumentan o acceso peonal (ou doutros medios de transporte) a expensas dos condutores. Incluso estudos feitos en Londres demostran que os peóns gastan máis que os condutores.

Polémicas como a peonalización da Rúa Barcelona demostraron que os efectos foron todo o contrario ao predecido polos comerciantes. Pero parece que nos encanta a polémica, as reaccións viscerais e non querer aceptar o mínimo cambio (aínda que este cambio co tempo te favoreza). Agora tócalle polemizar ao novo carril bus-taxi-moto-bici, en fin…

Fonte (en pdf): Streets to Live By (How livable street design can bring economic, health and quality-of-life benefits to New York City) atopado na páxina Menos um carro.

Análise; Síntese e Diagnose da Mobilidade na Coruña


This post is available in castellano and galego.

Aquí abaixo exponse o traballo realizado ata agora polo profesor Busquets no que se refire ás distintas formas de mobilidade que existen nesta cidade (avance PXOM). De lectura sinxela e clarificadora neste cadro resumen son a Síntese, Diagnóstico e Estratexia Xeral a seguir de cara ao futuro.

Transporte público

Síntese:
No termo municipal da Coruña o transporte rodado privado, é predominante. Principalmente pola falta dunha estrutura clara de transporte público, coa excepción do autobús.

Diagnóstico:
Predominio da mobilidade privada. Falta de transporte público ou infraestruturas infrautilizadas.

Estratexia Xeral:
Mellorar os sistemas alternativos de transporte que permitan reducir o uso do vehículo privado. Proponse que as solucións relaciónense coas estratexias da infraestrutura viaria para ofrecer solucións construtivas unitarias e sen necesidade de expropiacións.
Proposta de mellora dos itinerarios para peóns e bicicletas.

Ferrocarril

Síntese:
Transformación da infraestrutura ferroviaria para acoller a liña de Alta Velocidade.
Algunhas instalacións e liñas de ferrocarril quedarán sen uso a consecuencia do traslado de actividades do porto cara ao novo porto exterior.

Diagnóstico:
Hai que adaptar a estación de ferrocarril de San Cristóbal.
Desaparición da estación de mercancías de San Diego. Parte das vías quedarán en desuso.

Estratexia Xeral:
Transformación da actual estación de San Cristóbal en estación intermodal para mellorar a eficacia do intercambio entre os diferentes medios de transporte - AVE, tren, autobús urbano e interurbano, tranvía, taxi, transporte privado, peóns e bicicletas-.
Adaptación da achaiadura para incorporar as infraestruturas previstas necesarias para o AVE. Reutilización das vías de tren que queden en desuso para implantar un tranvía ou metro lixeiro. Recuperación para uso urbano dos chans que queden libres.

Autobús

Síntese:
A rede actual de autobuses componse por 21 rutas de transporte urbano, clasificables en 4 tipos segundo a súa implantación (en rolda, radiais de centro, radiais de periferia e circunvalación). Permiten chegar á maior parte do municipio, así como a zonas de certa
importancia.
Estas liñas están reforzadas por 8 liñas de autobús interurbano, 5 delas tomando como punto de partida A Coruña e atopándose coas outras 3 máis aló do termo municipal.

Diagnóstico:
Actualmente as liñas locais mantéñense preferentemente dentro da “mancha” edificada, manténdose paralelas a zonas de interese se chegar a penetrar nelas.
Proposta de extensión da rede actual aos novos sectores de desenvolvemento
e a 3ª rolda.
O intercambio entre os diferentes sistemas de transporte é difícil.

Estratexia Xeral:
Mellora da funcionalidade da rede de autobuses reservando nalgunhas vías carrís segregados.
Proposta de traslado da estación actual de autobuses a San Cristóbal -integrándoa na estación intermodal- e recuperación de parte dos chans para uso cívico.

Tranvía

Síntese:
O sistema actual de tranvía limítase a un percorrido litoral de uso estacional e turístico.

Diagnóstico:
O tranvía resulta infrautilizado.

Estratexia Xeral:
Reutilización das vías de tren que queden en desuso para implantar un sistema de tranvía ou metro lixeiro. Optimización do uso das infraestruturas actuais do tranvía integrándoo no circuíto de uso diario. Propostas de trazados alternativos en función dos barrios que conecta, da conexión coa estación intermodal, da posibilidade de reutilizar infraestruturas de ferrocarril e dalgúns túneles que quedarán liberados do tráfico de mercancías. Posibilidade de estender o tranvía ata o polígono da Grela e/ou o do POCOMACO aproveitando as vías de mercancías existentes.

Bici

Síntese:
O carril bici actual está conformado por un trazado descontinuo de uso lúdico.

Diagnóstico:
A falta de percorridos funcionais provoca a infrautilización deste sistema de transporte.

Estratexia Xeral:
Configuración dun circuíto de bicicletas de longo percorrido polo bordo de auga a partir da conexión dos tramos existentes. Configuración dunha malla interior de itinerarios para bicicletas a partir dos tramos existentes, doutros novos e do establecemento de zonas 30 - de uso compartido co coche, pero con prioridade da bicicleta e velocidade limitada a 30 Km./*h-. Extensión do circuíto do bordo da auga ata a conexión co do concello veciño de Culleredo.

Peóns

Síntese:
En xeral o espazo do peón é escaso e pouco cualificado.
Discontinuidade nos percorridos, especialmente ao redor das principais infraestruturas viarias.

Diagnóstico:
Dificultade dos percorridos de peóns.

Estratexia Xeral:
Proposta de configuración dunha rede interior de percorridos verdes, de uso preferente do peón e do transporte público. Ampliar e cualificar o espazo do peón.
Mellorar as conexións entre percorridos e o paso das infraestruturas

Fonte: Avance PXOM A Coruña

Sensación de cidade


This post is available in castellano and galego.

Chegou á cidade unha nova sensación. ¿Será este o comezo dun esperanzador xeito de entender a cidade? ¿Será un pequeno paso para un vehículo, pero un gran paso para a mobilidade?
Esta sensación chega da man das 92 novas prazas para aparcadoiro de motocicletas e ciclomotores que o concello coruñés engadiu ás 170 xa existentes. Todo un luxo para os motoristas que contribúen coa súa actitude a non saturar máis a cidade. É sen dúbida un paso adiante (necesario pero moi lonxe de ser suficiente). É unha boa sensación pasar pola rúa Betanzos, ou Juana de Vega e, afeito a buscar oco para a moto entre o lixo ou nunha esquina que sobre, ver unha trama de relucente amarelo ovo destinada ao meu vehículo. Aínda que curta, é unha boa sensación.
Esa sensación tamén se transmite aos condutores de coche, xa que, pese ao cabreo que produce non atopar aparcadoiro, e vendo que quitaron 3 prazas de coche para colocar 12 ou 13 para moto, paliará ese inicial enfado a sensación de querer comprar unha moto para poder aparcar nese lugar. Sen dúbida, ata non atopar para aparcar pode fomentar actitudes solidarias para cos teus concidadáns.
Tamén o sente o peón que, afeito ver liñas interminables de coches, a súa vista interrómpese nun pequeno oco cunhas poucas motos sobre un relucente amarelo ovo, que invitan a ver como crece a diversidade na cidade na que vive, cómo van aparecendo alternativas ao eslamiado e castigador coche.
Porque na cidade non somos todos iguais nin nos movemos todos igual, queremos ter moitas máis sensacións como esta, cada vez máis grandes e de maior calidade. Este pequeno paso, por ser pequeno non nos debe desilusionar, xa que a maquinaria da mobilidade, é lenta, como o prato grande dunha bicicleta, pero cando colle velocidade non haberá quen o pare.
Encamiñámonos cara a un mar de boas sensacións. Naveguemos.
¿Para cando unha lancha de alta velocidade que nos poña en 10 minutos no centro de Ferrol e evite miles de desprazamentos que emitan miles de quilos de CO2? ¿Navegamos?

Previous Articles

Unha pequena enquisa


La siniestralidad vial: un problema desconocido


Spain 5 - Germany 16


Ensanche en números. O noso espazo


Fin de semana cicloturista na Limia


Benvidos a Un coche menos

querías saber mais sobre mobilidade? pensabas que existían outras alternativas? desexabas coñecer aquelo que outros non contan? para isto e moito mais estás no sitio apropiado.