Sensación de cidade
This post is available in castellano and galego.
Chegou á cidade unha nova sensación. ¿Será este o comezo dun esperanzador xeito de entender a cidade? ¿Será un pequeno paso para un vehículo, pero un gran paso para a mobilidade?
Esta sensación chega da man das 92 novas prazas para aparcadoiro de motocicletas e ciclomotores que o concello coruñés engadiu ás 170 xa existentes. Todo un luxo para os motoristas que contribúen coa súa actitude a non saturar máis a cidade. É sen dúbida un paso adiante (necesario pero moi lonxe de ser suficiente). É unha boa sensación pasar pola rúa Betanzos, ou Juana de Vega e, afeito a buscar oco para a moto entre o lixo ou nunha esquina que sobre, ver unha trama de relucente amarelo ovo destinada ao meu vehículo. Aínda que curta, é unha boa sensación.
Esa sensación tamén se transmite aos condutores de coche, xa que, pese ao cabreo que produce non atopar aparcadoiro, e vendo que quitaron 3 prazas de coche para colocar 12 ou 13 para moto, paliará ese inicial enfado a sensación de querer comprar unha moto para poder aparcar nese lugar. Sen dúbida, ata non atopar para aparcar pode fomentar actitudes solidarias para cos teus concidadáns.
Tamén o sente o peón que, afeito ver liñas interminables de coches, a súa vista interrómpese nun pequeno oco cunhas poucas motos sobre un relucente amarelo ovo, que invitan a ver como crece a diversidade na cidade na que vive, cómo van aparecendo alternativas ao eslamiado e castigador coche.
Porque na cidade non somos todos iguais nin nos movemos todos igual, queremos ter moitas máis sensacións como esta, cada vez máis grandes e de maior calidade. Este pequeno paso, por ser pequeno non nos debe desilusionar, xa que a maquinaria da mobilidade, é lenta, como o prato grande dunha bicicleta, pero cando colle velocidade non haberá quen o pare.
Encamiñámonos cara a un mar de boas sensacións. Naveguemos.
¿Para cando unha lancha de alta velocidade que nos poña en 10 minutos no centro de Ferrol e evite miles de desprazamentos que emitan miles de quilos de CO2? ¿Navegamos?


