Os motivos
“O movemento faise andando. Tamén faise movemento en bici ou en bus. O resto poderíase chamar movemento, pero ten un prezo moi alto, que eu, non estou disposta a pagar.” A muller 101.
O panorama nas nosas cidades é hoxe en día desolador: as rúas convertidas en couto privado dos automóbiles, cos demáis usuarios da vía pública acantoados; motos a escape libre, bocinazos, atoramentos, as beirarrúas empregadas como aparcadoiro, velocidades pouco axeitadas, fumes e ruidos, autovías, circunvalacións que actúan como barreiras, foxos que desconectan barrios…
A función orixinal da cidade como espazo socializador, de intercambio cultural e interacción humana vese afastado no medio do caos circulatorio. O peón e o ciclista son especies ameazadas, e o bus vai no medio do atasco como se fora un utilitario máis.
Temos que recuperar o noso espazo, as prazas, a convivencia, os xogos e os nenos e nenas nas rúas.
Hai moitas maneiras de solucionar os problemas que o automóbil particular e o seu uso desmedido está a ocasionar na nosa sociedade, moitas cidades do estado xa están mans a obra dende fai moitos anos.
Estamos obrigados a dar un xiro radical nas políticas urbanísticas e convivenciais e onde o transporte público colectivo ten que ser o gran protagonista.
Temos que recuperar a costume de andar, ese exercicio tan recomendable e recomendado polos que van en coches oficiais con cristais tintados.
E finalmente, temos que darlle outra oportunidade o vehículo que xa revolucionou o mundo nunha ocasión, e que agora esta a revolucionar a mobilidade nas cidades; a bicicleta.
Unha parte da responsabilidade deste caos é dos políticos locais e autonómicos, outra de cada un de nós, porque a nosa mobilidade é unha actitude vital, e somos nos os que temos a decisión final.
Anímate, deixa hoxe o coche na casa. Xa veras como non é tan duro.


